Ante o inicio deste novo curso escolar 2024-2025, dende a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, COGAMI, lanzamos unhas propostas co fin de que as nenas e nenos con discapacidade de Galicia teñan as mesmas oportunidades educativas que o resto de compañeiras e compañeiros. COGAMI exixe unha educación inclusiva que chegue a toda a diversidade, e para iso ten que haber medidas de atención dotadas cos recursos que sexan necesarios.
As nenas e nenos con discapacidade teñen máis dificultades para finalizar a educación primaria, ao atopar barreiras que dificultan a plena inclusión no ámbito educativo. Os principais problemas para a escolarización atópanse nas dificultades no desprazamento ata os centros, a falta de accesibilidade das instalacións, a escaseza de monitorado, profesorado, psicólogas/os, terapeutas e logopedas de apoio, os elevados cocientes de alumnado por profesor e as insuficientes prestacións económicas para paliar os sobrecustos que supón ter unha discapacidade (por exemplo necesidade de axudas técnicas, adaptacións, atención e tratamentos específicos,...).
É fundamental a atención á diversidade, tanto na educación obrigatoria como na non obrigatoria, dotándoa dos recursos de apoio e os medios necesarios que garantan o desenvolvemento e autonomía persoal, esixindo unha maior implicación de actuación á Inspección educativa. A adopción das medidas necesarias para garantir a educación inclusiva real debe de instalarse ao longo de todo o sistema educativo, considerando etapas fundamentais a educación obrigatoria, a formación profesional, a formación universitaria así como a formación ao longo da vida.
É necesario actualizar e artellar medidas efectivas de atención en toda actuación da Estratexia Galega de Convivencia Escolar con perspectiva da discapacidade, prestando especial atención ás situacións de violencia, acoso, ciberacoso, etc. impedindo que se dilúan as intervencións e as responsabilidades necesarias e incorporando os recursos e medios precisos para a súa efectividade e garantía de atención e protección das persoas con discapacidade afectadas. Non debemos esquecer que as estatísticas apuntan que 8 de cada 10 nenos e nenas con discapacidade denuncian ter sufrido acoso nas aulas.
Dende COGAMI queremos transmitir a nosa dispoñibilidade como un recurso de apoio á educación inclusiva dirixido tanto á Consellería de Educación como tamén a centros educativos e familias que teñan fillas ou fillos con discapacidade en idade escolar. Precisamente, dende o ano 2016, desenvolve programas de atención a persoas con necesidades educativas por motivo da súa discapacidade nos que se sensibiliza e forma a profesorado e resto da comunidade educativa tanto sobre a discapacidade como tamén en prácticas metodolóxicas inclusivas, tecnoloxías de préstamos de produtos de apoio, accesibilidade e outros recursos útiles para a mellora da aprendizaxe.