O Congreso dos Deputados aprobou onte a reforma das leis de discapacidade e dependencia, que agora inicia a súa tramitación no Senado. Esta actualización do sistema de apoios mellora a autonomía persoal, a vida independente e a igualdade de oportunidades. Con este cambio, a lexislación adáptase por fin ao novo artigo 49 da Constitución Española e á Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade de Nacións Unidas, atendendo a demandas históricas do movemento asociativo da discapacidade.
"Valoramos positivamente que esta reforma avance cara a un modelo que recoñece o dereito das persoas con discapacidade a decidir como queren vivir e os apoios que necesitan para desenvolver o seu proxecto de vida. Agora é necesario que se garanta que todos estes avances cheguen realmente ás persoas", traslada o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.
A recente reforma do sistema de dependencia e discapacidade introduce cambios fundamentais como son:
No eido da accesibilidade, a modificación da Lei de Propiedade Horizontal facilitará a execución de obras de accesibilidade en edificios de vivendas e reforzará o dereito das persoas con discapacidade a permanecer no seu fogar, dado que a falta de accesibilidade continúa sendo unha das principais barreiras para a vida independente. E esta situación limita o acceso ao emprego, a educación, a atención sanitaria ou a participación social, entre outros eidos.
Dende COGAMI sinálase que a aprobación parlamentaria constitúe o inicio, e pon o foco na necesidade da dotación de recursos e financiamento para unha aplicación homoxénea da lei que garanta o exercicio real dos dereitos.