COGAMI Social, COGAMI Empresarial e o movemento asociativo que está conformado por 59 entidades membro consolidan o seu compromiso coa inclusión laboral e a igualdade de oportunidades. Actualmente, a organización conta con 1.299 persoas traballadoras, das que 776 teñen certificado de discapacidade ou incapacidade laboral, o 60 %.
Estes datos demostran que a entidade non só ofrece servizos de apoio e atención ás persoas con discapacidade, senón que tamén xera oportunidades reais de emprego inclusivo, especialmente a través da súa rede de centros especiais de emprego de iniciativa social.
A este equipo de profesionais de COGAMI hai que sumarlle as 497 persoas que traballan nas súas 59 entidades membro, das que o 74 % son mulleres. Se temos en conta que o ámbito de actuación da maior parte das entidades é a zona rural, destacamos a posta en valor da creación de emprego en zonas que teñen menos oportunidades laborais e de servizos.
COGAMI reitera a súa aposta pola inclusión laboral, a formación profesional e o acompañamento especializado como ferramentas clave para fomentar a autonomía e a participación activa das persoas con discapacidade na sociedade.