Durante o ano 2025, COGAMI e 33 entidades membro beneficiáronse do Programa de Cooperación convocado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración,a través da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.
A través deste programa, incorporáronse 59 profesionais que reforzaron o labor da nosa Organización e das seguintes entidades: ACADAR, Fibrose Quística, ASEM Galicia, ASOTRAME, AGL, Federación COGAMI Coruña, AMARAI, INTEGRO, ÁMBAR, ADISBISMUR, AVANTE, MISELA, ACEM Santiago, ACEM Coruña, ALCER Coruña, PARKINSON Galicia, GRUMICO, PARKINSON Ferrol, LIREGA, Federación COGAMI Lugo, A Mariña COGAMI, AGORA, ALCER Lugo, ALUCEM, AIXIÑA, AODEMPER, ALCER Ourense, AGAL, AVEMPO, ADAPTA, VONTADE e ALCER Pontevedra.
Tendo por obxectivo o fomento do emprego en entidades sen ánimo de lucro, o programa de Cooperación favorece a contratación de persoas desempregadas para o desenvolvemento de servizos de interese xeral e social. Trátase dun instrumento que impulsa a inserción laboral de persoas con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, ao tempo que reforza a capacidade das entidades sociais para ofrecer servizos fundamentais á cidadanía.
Perfís profesionais incorporados
No caso de COGAMI, durante un período de 12 meses e cunha dedicación do 75% da xornada laboral, incorporáronse oito profesionais: tres persoas coidadoras, tres condutoras para o servizo de transporte, unha persoa encargada da limpeza e unha profesional de educación especial. Estes postos permitirán reforzar o labor que se desenvolve no servizo de atención diúrna para persoas con discapacidade que a Organización ten en Fingoi (Lugo) Medelo (Silleda), Monteporreiro (Pontevedra) e Mos, ofrecendo apoio directo aos servizos que melloran a calidade de vida e a inclusión social das persoas usuarias.
Nas entidades incorporáronse perfís profesionais moi diversos que reforzan áreas clave de atención, xestión e acompañamento. Entre eles destacan: auxiliar administrativo; publicidade e relacións públicas; traballo e educación social; coidador/a; monitor/a de actividades deportivas; técnico/a de inclusión e proxectos; horticultor/a; terapeuta ocupacional; preparador/a físico/a; nutricionista; auxiliar do fogar; psicólogo/a; administrador/a de sistemas e redes; persoal de mantemento; logopeda; dietista; community manager; cociñeiro/a; integrador/a social; camareiro/a; representante comercial e fisioterapeuta.
Para poder optar a un contrato a través deste programa de Cooperación, as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, dispoñer da formación e cualificación profesional adecuada ao posto e non ter sido contratadas por esta mesma convocatoria nas tres edicións anteriores.
Para moitas entidades sociais, este apoio supón un impulso esencial: permite reforzar os seus equipos, mellorar a atención e ampliar o alcance dos programas que desenvolven en favor das persoas con discapacidade.