COGAMI e COCEMFE lanzan a campaña “Move un Dedo”, un chamamento á acción para cumprir coa Estratexia Española sobre Discapacidade 2022–2030


COGAMI e COCEMFE nacional poñen en marcha a campaña #MueveUnDedo, unha iniciativa que convida a toda a sociedade, ás administracións, aos medios de comunicación e ao propio movemento asociativo a pasar á acción e comprometerse coa inclusión real e efectiva das persoas con discapacidade.
A acción enmárcase no compromiso de COCEMFE coa Estratexia Española sobre Discapacidade 2022–2030, unha folla de ruta que marca os pasos para facer efectivos os dereitos humanos das persoas con discapacidade e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

A iniciativa Move un Dedo constrúese arredor dun xesto simbólico que apela á acción individual e colectiva. A través dunha peza audiovisual, contidos en redes sociais e unha páxina web interactiva (www.mueveundedo.org), COGAMI e COCEMFE convidan á cidadanía a deixar a súa pegada dixital nun gran mural colaborativo, unha representación visual do compromiso social coa inclusión e onde poderán descargar materiais con ideas prácticas para “mover un dedo” dende distintos ámbitos da vida cotiá (como o traballo, o colexio ou a comunidade de veciños).
Estes recursos están deseñados para fomentar a implicación activa da sociedade na construción dunha inclusión real e efectiva, en coherencia cos obxectivos da Estratexia Española sobre Discapacidade 2022–2030.

Ao longo destes anos, COGAMI e COCEMFE contribuíron a fitos fundamentais como o desenvolvemento do marco lexislativo que recoñece os dereitos das persoas con discapacidade, a definición das políticas públicas de discapacidade, a mellora da accesibilidade en todos os ámbitos, a inclusión educativa en todas as etapas escolares, o acceso ao emprego en condicións de igualdade e a consolidación de prestacións sociais, sanitarias e económicas, entre outras.

Porén, COGAMI e COCEMFE lembran que aínda quedan moitos “dedos por mover” en materia de emprego, educación inclusiva, igualdade de xénero, saúde e accesibilidade. “A Estratexia Española sobre Discapacidade ofrécenos un camiño claro cara á plena inclusión, pero só se todas as administracións, empresas e axentes sociais se comprometen activamente a percorrelo. 

A campaña ‘Move un dedo’ está financiada a través das subvencións para a realización de actividades de interese xeral consideradas de interese social da convocatoria do 0,7 do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030.

Galería de imaxes

Todas