COGAMI e FEMXA renovan colaboración para impulsar a formación online orientada ao emprego

Co obxectivo de impulsar a empregabilidade das persoas con discapacidade ou incapacidade laboral que se atopan en situación de desemprego, COGAMI e FEMXA renovan a súa colaboración para promover unha oferta de formación oficial e gratuíta orientada á mellora das competencias profesionais e á inserción laboral.

COGAMI xa iniciou a súa programación formativa presencial, que se desenvolverá ao longo de todo o ano en distintas localizacións de Galicia, e colabora agora coa entidade FEMXA na difusión dos cursos en liña que esta oferta. Trátase de formacións que permiten acreditar competencias profesionais en sectores que demandan persoal cualificado.

A oferta formativa está centrada en áreas con maiores oportunidades de inserción laboral, especialmente nos ámbitos da administración, a xestión e a docencia. Entre os cursos con matrícula aberta atópanse Actividades administrativas na relación co cliente, Actividades de xestión administrativa, Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, así como a Habilitación para a docencia nos graos A, B e C do sistema de Formación Profesional.

Todas estas accións formativas impartiranse en modalidade en liña, con sesións presenciais nos centros que FEMXA ten en Vigo e Lugo. A inscrición xa se atopa aberta e pode consultarse a través da web www.cursosfemxa.es/cogami-galicia. Ademais, as persoas interesadas poden obter máis información chamando ao 900 100 957, a través do WhatsApp 619 926 324 ou escribindo ao correo electrónico hola@cursosfemxa.com.

Esta oferta formativa permite adquirir e acreditar competencias profesionais concretas, reforzar o perfil laboral e aumentar as oportunidades de inserción en sectores con demanda de cualificación, converténdose nunha alternativa para quen busca mellorar a súa situación laboral ou abrir novas vías profesionais.

Galería de imaxes

Todas