Por medio desta convocatoria, que xestiona COCEMFE e financia a Fundación ONCE, cóntase para este ano cun orzamento de 473.500 euros dirixidos a financiar 38 proxectos que permiten a mellora da calidade de vida de 2.740 persoas.
Co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, a Fundación ONCE concedeu, a través da convocatoria de Plan de Prioridades que xestiona COCEMFE, unha subvención de 473.500 euros á nosa Organización para financiar os proxectos que presentou xunto ás súas entidades membro.
Durante este ano, 25 entidades do movemento asociativo de COGAMI están a desenvolver 38 proxectos a través desta subvención, dos que 37 están relacionados coa atención para a autonomía persoal e vida independente e 1 dirixido á mellora do servizo de transporte adaptado. Todos estes proxectos van permitir que se beneficien un total de 2.740 persoas con discapacidade, usuarias de COGAMI e das súas entidades que operan principalmente nas zonas do rural.
A finalidade de todos estes programas é conseguir mellorar a condicións das instalacións e a calidade dos servizos que prestan, de xeito que repercuta no apropiado desenvolvemento das accións dirixidas a potenciar a autonomía persoal, a vida independente e a mellora da calidade de vida das persoas usuarias e familias.
Se analizamos por provincias, en Lugo, as entidades beneficiarias son A Mariña-COGAMI cun programa de autonomía persoal, Alcer Lugo cun programa de psicoloxía en, e ALUCEM, cun programa de atención integral a persoas afectadas por esclerose múltiple.
En A Coruña, a entidade UGADE desenvolverá un servizo de apoio psicolóxico a persoas con epilepsia, un servizo de fisioterapia para persoas amputadas, unha unidade de atención ao párkinson e as súas familias, un programa integral para persoas con enfermidades neurodexenerativas de ACEM Santiago, así como un programa de promoción de autonomía persoal desenvido por CONARTRITIS e un servizo de transporte adaptado de ACEM Coruña.
En Ourense, as entidades que desenvolveran proxectos son AODEMPER cun servizo de rehabilitación de fisioterapia para persoas con párkinson e enfermidades raras, e ALCER Ourense, que ofrecerá orientación e apoio a persoas con enfermidade renal crónica.
Por outra banda, na provincia de Pontevedra, Alcer Pontevedra, ten un programa de atención psicosocial para persoas con enfermidade renal crónica, AMIZADE un programa de atención integral para persoas con discapacidade, AVEMPO atención social especializada para persoas afectadas de esclerose múltiple, ACCU Vigo, un servizo de atención integral e asesoramento de persoas con enfermidade inflamatoria intestinal, un programa de prevención e atención dos trastornos de desenvolvemento infantil de VONTADE e, por último, a asociación ADAPTA, que comprará un vehículo adaptado e poderá desenvolver un programa de atención diúrna terapéutica..
Dentro das asociacións de ámbito autonómico, teremos un servizo de atención integral para persoas con fibrose quística (AGFQ); un servizo de fisioterapia especializado para persoas diagnosticadas de linfedema e lipedema (AGL); un servizo de atención, asesoramento e información a persoas con coagulopatías de AGADHEMO e unha vivenda de estancia temporal para pacientes oncolóxicos e familiares de ASOTRAME.
Tamén se concederon diferentes actuacións para os centros de atención diúrna de COGAMI, como a adquisición de mobiliario, unha instalación de batería solar, ou a creación dun xardín sensorial para o centro de Mos; unha obra para arranxar o tellado, e a instalación de batería de enerxía sola para o de Medelo, outra instalación de batería de acumulación de enerxía solar ou a creación de salas de atención no centro de Fingoi en Lugo, unha obra de adecuación na oficina de COGAMI en Pontevedra, a compra de material informático para todos os centros da entidade, e a adquisición dunha caldeira para o centro de día de Monteporreiro.