O Concello de Tomiño e COGAMI veñen de asinar un convenio de colaboración co obxectivo de mellorar as oportunidades de inserción laboral das persoas con discapacidade do municipio. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, en presenza do concelleiro de Benestar Social e Deportes, Rubén García, o presidente da asociación Vontade, Miguel Pazo, o membro da xunta directiva de COGAMI, Celso Álvarez, e a orientadora laboral da entidade, Susana Rodríguez, oficializaron este acordo que permitirá a cesión de espazos municipais para a atención e orientación laboral das persoas con discapacidade.
Esta colaboración facilitará o traballo da orientadora laboral de COGAMI, que se desprazará dúas veces ao mes para ofrecer información, asesoramento e orientación laboral ás persoas inscritas na bolsa de emprego que arestora contabiliza un total 102 persoas inscritas do municipio, 61 homes e 41 mulleres. Entre os servizos que se prestan, destacan as actividades relacionadas co emprego e os servizos que COGAMI desenvolve dentro do seu modelo de atención integral centrada na persoa. O Concello de Tomiño comprométese a derivar persoas usuarias ao servizo de emprego de COGAMI, co fin de potenciar a súa inclusión no mercado laboral.
Este convenio subliña a importancia da colaboración institucional para a creación de oportunidades laborais para as persoas con discapacidade, garantindo un acceso igualitario ao emprego e promovendo a súa participación activa na comunidade.