A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e as súas entidades membro están a desenvolver un total de 39 programas financiados a través dos fondos do 0,7% do IRPF, procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106 de Fins Sociais na declaración da renda, fondos que xestiona a Xunta de Galicia. Estas iniciativas están a beneficiar durante este ano a máis de 3.000 persoas con discapacidade e ás súas familias en toda Galicia, especialmente en contornos rurais.
Os proxectos organízanse en cinco liñas estratéxicas: apoio ás familias, inclusión sociolaboral, promoción da autonomía persoal, mellora de infraestruturas e igualdade de xénero.
No ámbito do apoio familiar, destaca o programa In-Itinere, desenvolvido no centro de atención diúrna de COGAMI en Fingoi (Lugo), dirixido a familias en situacións de especial vulnerabilidade derivadas da discapacidade.
En inclusión sociolaboral, COGAMI e ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia) impulsan o Servizo de Inclusión e Transición ao Emprego, que ofrece orientación e acompañamento personalizado para facilitar a inserción laboral e a autonomía económica.
A promoción da autonomía persoal concrétase en programas de atención especializada, atención integral, asesoramento social, atención temperá, transporte adaptado, actividades de lecer, cultura e deporte inclusivo, así como servizos de rehabilitación e apoio terapéutico. Estes servizos desenvólvense tanto desde COGAMI como a través das súas entidades membro distribuídas por todo o territorio galego.
Neste eido, desenvólvense actividades de físico-rehabilitadoras, de atención psicolóxica e apoio social:
Programa de atención integral que favorece a recuperación funcional potenciando a autonomía na vida diaria.
Promoción da igualdade de oportunidades na vida social e no acceso ao emprego.
Apoio psicosocial e asesoramento individualizado.
Atención Temperá dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos de desenvolvemento ou discapacidade recoñecida.
Lecer, Cultura e Deportes Inclusivos que promoven a participación activa en actividades culturais e deportivas
Orientación, asesoramento e terapias como fisioterapia, terapia ocupacional ou psicoloxía.
Transporte Adaptado, servizo que reforza a mobilidade mediante a contratación de condutores ou condutoras e a ampliación das rutas que garanten o acceso ás persoas usuarias dos centros de atención diúrna de COGAMI.
Na liña de mellora de infraestruturas, realizáronse actuacións incluíndo obras de accesibilidade, eficiencia enerxética, instalación de enerxías renovables e adquisición de equipamento para talleres, rehabilitación e servizos dixitais. Ademais de levárense a cabo nos centros de atención diúrna de COGAMI en Mos, Monte Porreiro (Pontevedra), Fingoi (Lugo), Medelo (Silleda) e no CEGADI, en Santiago,tamén se realizaron nas entidades:
No eido da igualdade de xénero, COGAMI e ACADAR levan a cabo o programa Activa-das, que busca apoderar ás mulleres con discapacidade mediante formación, acompañamento e creación de espazos seguros para fomentar a súa autonomía persoal e social.
Con este conxunto de accións, COGAMI e as súas entidades membro reafirman o seu compromiso coa inclusión, a equidade e os dereitos das persoas con discapacidade e familias galegas, apostando por un modelo máis participativo, accesible e centrado nas persoas.