O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo Lestón, e o director xeral da empresa Petselect S.A., Luis Ramón Martínez Marañón, acordaron unir esforzos para fomentar a inclusión das persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual da comarca da Barbanza.
Petselect S.A. dedícase a actividade de fabricación de alimento húmido para mascotas de forma sostible, formando parte de Seanergy 360, a división da Corporación Jealsa que lidera o sector das conservas de peixe e mariscos. Como parte do seu compromiso coa responsabilidade social e coa xeración de emprego inclusivo, impulsa esta colaboración con COGAMI, entidade que leva 35 anos traballando pola inclusión das persoas con discapacidade.
A misión de COGAMI céntrase na defensa e promoción dos dereitos das persoas con discapacidade, a transformación social, o fortalecemento do asociacionismo e a xeración de oportunidades de emprego. A través desta nova alianza, COGAMI e Petselect S.A. comprométense a levar a cabo accións conxuntas para eliminar barreiras de acceso ao mercado laboral, reducir os niveis de desemprego no sector e crear oportunidades reais de desenvolvemento e promoción profesional para este colectivo.
COGAMI na comarca da Barbanza
Desde hai 18 anos, COGAMI ofrece un Servizo de Intermediación, Prospección e Orientación Laboral na comarca da Barbanza, especializado na inserción laboral de persoas con discapacidade. Funciona como unha axencia de colocación que proporciona servizos de selección, xestión de ofertas de emprego, asesoramento sobre contratación e medidas de apoio, planificación formativa e valoración de adaptacións nos postos de traballo.
Iván Lamela é o orientador laboral de referencia na comarca, desprazándose semanalmente para atender as necesidades das persoas con discapacidade ou incapacidade laboral da zona. Actualmente, o servizo conta cunha bolsa de emprego con 559 persoas inscritas (338 homes e 221 mulleres). A distribución por concellos é a seguinte: A Pobra do Caramiñal (55), Boiro (125), Lousame (15), Noia (115), Porto do Son (7), Rianxo (68), Outes (27) e Ribeira (115). Das persoas inscritas, 275 están en busca activa de emprego e 284 están traballando.
Durante o ano 2024, realizáronse 252 orientacións laborais e conseguiuse a inserción de 78 persoas no mercado laboral: A Pobra do Caramiñal (8), Boiro (18), Lousame (1), Noia (13), Porto do Son (39), Rianxo (9), Outes (5) e Ribeira (17). O perfil predominante das persoas usuarias destas comarcas é o dun home de entre 41 e 55 anos con estudos primarios.
Ao igual que Petselect S.A., outras 193 empresas da comarca da Barbanza e 53 de Noia xa foron contactadas por COGAMI para informarlles sobre o servizo de Emprego e as posibilidades de incorporar persoas con discapacidade nos seus cadros de persoal, fomentando así unha maior inclusión laboral.