COGAMI, EcoLugo e o Concello de Lugo apostan pola formación para a inserción laboral co programa Incorpora

O alcalde do Concello de Lugo, Miguel Fernández, e o director técnico de explotación de EcoLugo, José Carlos Díaz, visitaron as instalacións de COGAMI na cidade, acompañados polo director do centro de atención diúrna, Juan Gude, e o presidente da Federación provincial de COGAMI  Lugo, José Luis Lolo, ademais de persoal formador e técnico do programa. Esta visita foi para presentar unha nova edición do programa Incorpora que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral das persoas con discapacidade.

A través deste programa que financia Fundación “la Caixa”, desenvolverase entre o 21 de marzo e o 12 de xuño, unha formación sobre Limpeza viaria e xestión de residuos. Cunha duración de 70 horas de capacitación técnica e 80 horas de formación en competencias transversais, traballaranse habilidades como a comunicación, o traballo en equipo, a xestión emocional e a resolución de conflitos. Ademais, recibirán 20 horas de formación dixital para mellorar as súas competencias tecnolóxicas.  A última fase do programa consistirá en prácticas non laborais, cunha duración de 130 horas, que se desenvolverán en EcoLugo, permitindo aos participantes adquirir experiencia real no sector e mellorar as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral.

O alcalde de Lugo,  agradeceu o traballo de COGAMI, EcoLugo e todas as entidades implicadas no programa de inserción laboral Incorpora, do que destacou que "Con programas como este, reforzamos a cohesión social e seguimos traballando por un futuro no que todas e todos teñamos as mesmas posibilidades de acceder a un emprego estable e de calidade".

Galería de imaxes

Todas