COGAMI forma a profesionais de establecementos comerciais para promover unha compra máis inclusiva

COGAMI e a Federación Aspace Galicia únense, a través do Cermi Galicia, para formar a profesionais de establecementos comerciais co obxectivo de que se familiaricen coa compra asistida a persoas con discapacidade.

Esta iniciativa, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, busca promover a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades nos espazos comerciais, fomentando que o persoal dos establecementos coñeza e aplique diferentes tipos de apoios que faciliten o proceso de compra ás persoas con discapacidade.

Entre estes apoios destacan os técnicos ou tecnolóxicos, como teclados adaptados nas básculas de pesado; os apoios físicos, como ramplas ou corredores amplos; os apoios comunicativos, como materiais en lectura fácil ou etiquetas en braille, e tamén os apoios humanos, como asistentes persoais ou profesionais de mediación comunicativa.

A formación consiste en explicar o papel esencial que desempeña o profesional da asistencia á compra, unha figura clave que garante unha experiencia inclusiva e respectuosa. A compra asistida é un servizo de apoio personalizado que permite ás persoas con discapacidade realizar unha actividade cotiá, como facer a compra, con autonomía, seguridade e dignidade. A persoa é quen toma as decisións e controla o proceso, mentres que o asistente actúa como facilitador, non como substituto.

Ademais de COGAMI e Aspace Galicia, participan nesta acción outras entidades do Cermi Galicia, como ONCE, Fademga Plena Inclusión Galicia, Autismo Galicia, Faxpg, Acopros e Dano Cerebral Adquirido, que impartirán formacións en distintos establecementos galegos: Carrefour As Cancelas (Santiago), Alcampo Vialia (Vigo), Eroski (Noia e Poio), Eroski Center da Estación de Autobuses (Ourense), Gadisa (A Coruña e Ourense), Froiz do Pazo da Cultura (Pontevedra), Hipercor de Santiago de Compostela, así como en Compostela Monumental e Punto Compostela.

Con esta iniciativa, o movemento asociativo da discapacidade en Galicia dá un paso máis cara á sensibilización social e a accesibilidade universal, promovendo un modelo de consumo máis igualitario e adaptado á diversidade.

Galería de imaxes

Todas