COGAMI forma en Verín a persoas con discapacidade para o manexo de maquinaria e carretilla elevadora

COGAMI vén de rematar un curso de Manexo de Maquinaria de Manutención centrado no uso da carretilla elevadora que se impartiu no Centro Formativo AMICAR de Verín. A formación, que tivo lugar en horario de 9:00 a 14:00, contou cun total de 11 participantes da comarca, 10 homes e 1 muller.

As persoas participantes teñen idades comprendidas entre os 24 e os 59 anos. Cinco participantes da formación están reorientando a súa vida profesional tras a concesión dun certificado de incapacidade laboral para a profesión habitual, mentres que o resto busca emprego no sector do almacenaxe de mercadorías, un ámbito moi presente na comarca de Verín.

O curso realizouse con acompañamento práctico, ofrecendo ás persoas participantes a oportunidade de adquirir habilidades e coñecementos necesarios para o manexo seguro e eficiente deste tipo de maquinaria.

A iniciativa contou coa colaboración de COGAMI e FUNDOSA, destacando a importancia destas accións formativas para mellorar a inserción laboral e as competencias profesionais na comarca de Verín.

A día de hoxe, o servizo de Emprego de COGAMI ten rexistradas na bolsa de emprego un total de 183 persoas que residen na comarca de Verín: 87 mulleres e 96 homes. A través do servizo de Emprego foron 22 persoas as que lograron a inserción durante este ano.

Galería de imaxes

Todas