COGAMI imparte en Ourense formación AFD para mellorar a empregabilidade no ámbito administrativo

O servizo de Formación de COGAMI inicia un curso de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais que se está a impartir nas instalacións que a Confederación ten en Ourense.

Esta acción formativa, dirixida a persoas desempregadas, enmárcase no programa de formación para persoas traballadoras desempregadas da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2026-2027 (AFD) e está cofinanciada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

O curso ten unha duración total de 508 horas, das que 108 horas corresponderán á formación práctica en empresas. O programa inclúe contidos relacionados con técnicas administrativas básicas de oficina (165 horas), operacións básicas de comunicación (133 horas), e reprodución e arquivo (132 horas). Ademais, incorpora formación transversal en prevención de riscos laborais (60 horas), inserción laboral, sensibilización ambiental, igualdade de xénero (10 horas) e formación para a igualdade (8 horas).

Están a participar no mesmo 11 persoas (6 mulleres e 5 homes) procedentes dos concellos de Ourense, Baños de Molgas, O Carballiño, Esgos e Pereiro de Aguiar, con idades comprendidas entre os 20 e os 61 anos.

Esta formación desenvolverase ata o mes de marzo de 2027, coa finalidade de mellorar a cualificación profesional das persoas participantes e incrementar as súas oportunidades de acceso ao mercado laboral, coa obtención do certificado profesional.

Galería de imaxes

Todas