Durante o mes de xuño, as instalacións de COGAMI en Ourense acolleron dúas accións formativas orientadas a mellorar as competencias profesionais e favorecer a inserción laboral das persoas participantes.
Unha destas formacións está centrada en Conserxería e Mantemento Xeral de Instalacións e conta coa participación de 10 persoas procedentes dos concellos de Ourense, San Cibrao das Viñas e O Carballiño, con idades comprendidas entre os 18 e os 63 anos.
O curso constou de 50 horas de formación teórica e completouse con 25 horas de prácticas en empresas, permitindo ao alumnado adquirir experiencia real nunha contorna laboral. A través desta acción formativa, o Servizo de Emprego de COGAMI busca capacitar ás persoas participantes para o desenvolvemento de tarefas relacionadas coa conserxería, a xestión integral de instalacións, o mantemento preventivo e a seguridade de edificios residenciais e comerciais.
Paralelamente, impartiuse a formación de Capacitación para o manexo e uso seguro de carretilla elevadora, na que participaron 8 persoas dos concellos de Ourense, Celanova, Paderne de Allariz e Amoeiro, con idades comprendidas entre os 24 e os 63 anos.
Esta formación, organizada e impartida conforme á norma UNE e con emisión de certificado de aptitude, proporcionou os coñecementos técnicos e as habilidades prácticas necesarias para o manexo seguro de carretillas elevadoras de distintas tipoloxías, seguindo criterios de prevención de riscos laborais e seguridade no traballo.
Ambas accións formativas enmárcanse no programa Máis Emprego, financiado pola Fundación ”la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus (FSE+), no marco do Programa de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita contra a Pobreza 2021-2027. Esta iniciativa ten como finalidade promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación, a participación activa e a mellora da empregabilidade das persoas participantes.