COGAMI impulsa a inclusión laboral de persoas con discapacidade da man do BBVA

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) puxo en marcha un proxecto de inclusión laboral, centrado en reducir a fenda dixital e fomentar a inserción profesional de preto de 280 persoas, con especial atención ao rural galego. O proxecto, cun custo que ascende a 18.000 euros, está financiado por BBVA.

Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, recibiu esta mañá na súa sede de Santiago de Compostela a Begoña Cuetos, directora de Banca de Empresas e Institucións da Rexional Noroeste de BBVA, e presentoulle os avances do “Programa de Mellora da Empregabilidade de Persoas con Discapacidade”, unha iniciativa que contempla 37 obradoiros de empregabilidade, dirixidos a persoas de entre 18 e 65 anos, con especial foco nas competencias dixitais, claves para facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade, particularmente no rural galego, onde existen maiores dificultades estruturais para acceder a recursos e oportunidades laborais.

A través dun enfoque integral que combina orientación laboral, formación transversal e capacitación técnica, a iniciativa promove a autonomía persoal e profesional das persoas participantes en condicións de maior igualdade.

“Para BBVA é un orgullo colaborar con entidades que levan tantos anos de traxectoria como COGAMI, cuxo traballo diario transforma realidades. Cremos firmemente que a capacitación tecnolóxica e o impulso ao emprego son pancas indispensables para reducir desigualdades e construír unha sociedade máis inclusiva, especialmente nas contornas rurais de Galicia”, sinalou Begoña Cuetos, directora de Banca de Empresas e Institucións da Rexional Noroeste de BBVA.

Pola súa banda, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, expresou “agradecemos o compromiso e a implicación de BBVA co labor do servizo de Emprego de COGAMI. Esta colaboración permite que as persoas con discapacidade que viven no rural adquiran competencias dixitais, reduzan a fenda dixital e conten coas mesmas oportunidades á hora de acceder ao mercado laboral”.

Capacitación dixital e ferramentas prácticas para o emprego

O plan de traballo contempla a realización de 30 obradoiros grupais de empregabilidade e 7 obradoiros especializados en competencias dixitais básicas, deseñados para romper a fenda dixital e dotar ás persoas asistentes de ferramentas clave para o mercado laboral actual. Entre as materiais impartidas destacan a elaboración de currículum vítae adaptado, a optimización de perfís en plataformas profesionais como LinkedIn, o reforzo das chamadas soft skills e a preparación de procesos de selección mediante simulacros de entrevistas e dinámicas de grupo.

O programa prevé alcanzar entre 260 y 280 persoas participantes, das que máis do 70 % mellorará substancialmente as súas competencias dixitais e polo menos 80 accederán de forma directa a procesos reais de selección e entrevistas de traballo durante ou trala finalización do proxecto.

Con este respaldo, BBVA reafirma o seu compromiso co tecido social galego, impulsando proxectos de alto impacto que combinan formación, tecnoloxía e empregabilidade para xerar un cambio positivo e duradeiros na vida das persoas.

Galería de imaxes

Todas