As instalacións de COGAMI nas localidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo e Vigo acollen o Servizo de Inclusión e Transición ao Emprego para persoas con discapacidade, no que participan máis de 100 persoas. Este servizo ten como obxectivo principal proporcionar un apoio integral que permita cubrir as necesidades individuais das persoas participantes. Desenvólvese a través de itinerarios personalizados que se axustan aos seus intereses, capacidades e circunstancias, promovendo a súa inclusión sociolaboral ao longo de todo o ano 2024.
Entre as actuacións realizadas no programa, destacan a diagnose, o deseño, o seguimento e a avaliación continua das persoas participantes, cunha orientación enfocada tanto ao acompañamento social como laboral. Ademais, deseñáronse accións específicas para fortalecer as súas capacidades persoais e mellorar a súa empregabilidade.
Un aspecto fundamental deste servizo é o acceso ao mercado laboral, traballado a través de intervencións individuais e grupais dirixidas a desenvolver competencias básicas para o emprego. O obxectivo é proporcionarlles ás persoas participantes as ferramentas necesarias para integrarse no mundo laboral.
Para a selección dos participantes, ademais do requisito de contar cunha discapacidade recoñecida, priorizouse naquelas persoas que son perceptoras dunha renda de inclusión social, ingreso mínimo vital ou que se atopan en situación de risco ou exclusión social. Tamén se deu preferencia ás persoas derivadas por equipos de inclusión, servizos sociais comunitarios ou outras entidades sociais.
Cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, cun financiamento procedente da asignación tributaria do 0,7% do IRPF, grazas ás persoas que marcaron o recadro da X Solidaria na súa declaración da renda, este programa constitúe un paso importante na loita pola inclusión social e laboral das persoas con discapacidade en Galicia, promovendo a súa autonomía e mellorando as súas condicións de vida a través do emprego.