COGAMI está a levar a cabo un proxecto innovador no centro de atención diúrna que ten en Mos, situado na zona do Rebullón. Trátase dun xardín sensorial e terapéutico deseñado para mellorar a calidade de vida das preto de corenta persoas usuarias que acoden ao servizo de luns a venres, mediante o contacto coa natureza e a horticultura. O espazo, que abarcará unha extensión de preto de 2.100 m², que actualmente destinado a pradeira, será acondicionado con diferentes áreas para fomentar a relaxación, o lecer e a terapéutica.
O proxecto inclúe a creación de espazos axardinados, pavimentos de xabre e elementos naturais como un estanque, un bosque terapéutico e un xardín de plantas aromáticas, ademais dun campo de xogos tradicionais e unha zona destinanda á realización de actividades ao aire libre, como ioga ou taichí. Tamén está prevista a instalación dun invernadoiro de 80 m² que permitirá desenvolver traballos de cultivo de plantas hortícolas como parte da terapia.
Estudos científicos confirmados a nivel mundial amosan que o contacto consciente coa natureza mellora a saúde mental, estimula os sentidos e fortalece o sistema inmunitario grazas aos terpenos que emiten as plantas. Este enfoque ten as súas raíces no antigo Exipto e foi redescuberto en Europa nas décadas de 1950, gañando popularidade en países como Suecia, Inglaterra e Estados Unidos, que lideran a implementación de xardíns terapéuticos.
O deseño do xardín inclúe arborado ornamental como carballos, liquidámbar e cerdeiras de flor, que ofrecerán sombra e permitirán a observación do cambio estacional. Todos os espazos estarán conectados mediante sendeiros de xabre para facilitar o acceso e a mobilidade.
Este proxecto está financiado pola Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF das persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de Interese Social, e forma parte do compromiso de COGAMI de mellorar o benestar das persoas con discapacidade na comunidade galega. As obras iniciaron neste mes e está previsto que rematen con data do 31 de decembro deste ano 2024.