COGAMI vén de incorporar ao seu parque móbil dúas novas furgonetas adaptadas destinadas ao transporte de persoas con discapacidade, co obxectivo de seguir garantindo o acceso aos diferentes servizos e actividades que a entidade presta en todo o territorio galego.
A adquisición destes vehículos permitirá facilitar os desprazamentos das persoas usuarias cara aos recursos especializados de COGAMI, favorecendo a súa participación social en todos os ámbitos da sociedade e contribuíndo á mellora da súa autonomía persoal e calidade de vida.
As novas furgonetas, financiadas con fondos NextGenerationEU, a través da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, son vehículos híbridos enchufables, unha elección que responde tamén ao compromiso da entidade coa sostibilidade medioambiental e coa redución do impacto ambiental derivado da mobilidade.
Este reforzo do servizo de transporte adaptado resulta fundamental para moitas persoas con discapacidade, especialmente aquelas que residen en zonas rurais ou con maiores dificultades de acceso ao transporte público.