COGAMI inicia cursos de formación dirixidos a persoas con certificado de discapacidade ou incapacidade permanente total de Ferrolterra

 Podes descargar a nota en word aquí

COGAMI ten programados para os meses de xullo, agosto e setembro unha serie de cursos de formación presencial dirixidos a mellorar as habilidades profesionais en diversas áreas.

Dirixidos a persoas co certificado de discapacidade igual ou superior ao 33% ou cunha incapacidade permanente total para profesión habitual que concede a Seguridade Social, estes cursos contarán cun máximo de 15 prazas dispoñibles e serán impartidos nas instalacións que a Confederación ten en Ferrol (rúa Sánchez Calviño, 56-58), en horario de mañá, de 9 a 14 horas.

Entre as temáticas que se van ofrecer estarían un de Conserxería con tarefas administrativas que se imparte do 15 ao 31 de xullo, cunha duración total de 60 horas presencias; o curso de Control de accesos será impartido do 5 ao 8 de agosto, cunha duración de 20 horas; outras das formacións será sobre Atención á Clientela, que se impartirá do 13 ao 17 de agosto durante 40 horas.

Para o mes de setembro tamén están programados outros dous cursos presenciais, un deles sería a 2ª edición do de Conserxería con tarefas administrativas que se vai desenvolver dende o día 2 ata o 23 de setembro cun total de 80h lectivas e o curso de Carretilla elevadora está previsto para impartirse do 2 ata o 9 de setembro, contando con 30 horas de duración.

Todos estes cursos están programados dentro do programa Máis Emprego que iniciou COGAMI en Ferrol este ano. Financiado por Fundación ”la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus no marco de Inclusión Social, Garantía Infantil e Loita Contra a Pobreza 2021-2027, este programa está dirixido a colectivos desfavorecidos, como é o caso das persoas con discapacidade, busca promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación, a participación activa e a mellora da empregabilidade, fomentando a inclusión activa a través do trazado de itinerarios integrados de inserción sociolaboral.

Estas formacións programadas representan unha oportunidade para actualizar e adquirir novas competencias profesionais acordes coas demandas actuais do mercado laboral. As persoas interesadas en formarse nalgún destes cursos poden contactar coa oficina de COGAMI en Ferrol a través do correo silferrol@cogami.gal ou chamando ao teléfono 981 325 568.

PES DE FOTOS:

Curso de atención ao cliente impartido por COGAMI en Ferrol

Curso de control de accesos impartido por COGAMI en Ferrol 

Galería de imaxes

Todas