COGAMI inicia en A Coruña un curso de actividades auxiliares de almacén dirixido a mozos e mozas con discapacidade

COGAMI inicia en A Coruña un curso de actividades auxiliares de almacén dirixido a mozos e mozas con discapacidade

Descarga a nota en word

COGAMI iniciou nas instalacións que ten en A Coruña (edificio A Milagrosa, avda. De Cádiz, nº1, 1º andar, local 2) un curso de Actividades auxiliares de almacén no que participa un grupo de mozas e mozos de entre 18 e 29 anos procedentes dos concellos de A Coruña, Arteixo e Betanzos.

Esta formación está enmarcada nas axudas económicas para a selección de operacións para o reforzo da empregabilidade para persoas con discapacidade “Un a un” 2023-2024 cofinanciadas por Fundación Once e Fondo Social Europeo+ 2021-2027. "Unha Europa máis social e inclusiva", para os programas: Programa FSE+ de Emprego Xuvenil 2021-2027 e Programa FSE+ de Inclusión Social Garantía Infantil y Loita Contra a Pobreza 2021-2027.

Tendo como requisitos para poder inscribirse estar en posesión do certificado de discapacidade cun grao do 33% como mínimo e estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través desta preparación preténdese dar resposta a unha demanda real de auxiliares de almacén e ofrecer oportunidades laborais.

O curso, que ten unha duración de 290 horas, finalizando a primeira semana do mes de xuño, estase impartindo en horario de 9 a 14 horas nas instalacións de COGAMI na cidade herculina. O alumnado traballará módulos sobre temáticas como operacións auxiliares de almacenaxe, preparación de pedidos, manipulación de cargas con carretillas elevadoras, busca de emprego, alfabetización dixital e formación no posto de traballo.

Formacións como esta que imparte COGAMI en A Coruña contribúen á preparación e cualificación de persoas con discapacidade desempregadas, pretendendo mellorar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral. Os datos do ano pasado reflicten que o 44% das persoas que se formaron con COGAMI, lograron atopar traballo.

Galería de imaxes