COGAMI inicia en Ferrol curso de actividades administrativas na relación co cliente

COGAMI inicia en Ferrol curso de actividades administrativas na relación co cliente

 Descarga a nota en word

As instalacións que ten COGAMI en Ferrol, (rúa Sánchez Calviño, nº 56-58) acollen un curso de formación no que un total de 15 persoas co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, estanse a formar sobre Actividades administrativas na relación co cliente.

Esta formación, cunha duración de 818 horas lectivas tendo como data de finalización o 22 de xullo de 2025, consta de contidos teóricos que se imparten de xeito presencial en horario de 9 a 14 horas, e tamén un módulo de formación en empresas da contorna, cunha duración de 120 horas, onde o alumnado terá a oportunidade de aportar os coñecementos adquiridos desenvolvéndose nun posto de traballo.

Este curso de Actividades administrativas na relación co cliente corresponde ao Plan formativo para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Dirixido a persoas desempregadas, esta formación iniciárona 15 persoas, 11 mulleres e 4 homes, procedentes dos concellos de Ferrol, Narón, Fene, Pontedeume e Mugardos, con idades comprendidas entre os 18 e os 49 anos. Todas elas, ademais de contar co certificado de discapacidade, tiñan que reunir como requisito de admisión o graduado da ESO ou o certificado de profesionalidade de Nivel 1 da rama administrativa, ademais de estar inscrita como demandante de emprego.

Este alumnado terá que formarse en materias como técnicas de recepción e comunicación, operacións administrativas comerciais, a atención ao cliente, xestión administrativa e aplicacións informáticas, ademais de gravación de datos a súa posterior xestión. Outras materias que se contemplan son a lingua inglesa para a xestión e administración na relación co cliente e, antes do inicio das clases prácticas, impartirase un módulo de ofimática sobre sistemas operativos, busca de información e aplicacións informáticas empregadas nas administracións.

Tralo remate do módulo de formación en empresas, o alumnado terá que realizar uns módulos sobre a inserción laboral, sensibilización medioambiental, ademais de en igualdade de xénero e formación para a igualdade. Ao finalizar, recibirán un diploma acreditativo.

Galería de imaxes