(COGAMI inicia en Ordes un curso de Alfabetización Dixital: actuación dirixida á atención de adultos con NEE 2024-2025, unha formación que se imparte na aula de informática da Casa da Cultura de Ordes. Cunha duración de 60 horas, que se prolongará ata o 23 de maio en horario de mañá, de 9:00 a 13:00 horas, impartidas de luns a venres, esta acción formativa está destinada a persoas con discapacidade ou incapacidade laboral da comarca.
Co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas participantes, este curso, financiado por COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) a través do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, inclúe contidos prácticos centrados no uso de internet, procesador de textos e follas de cálculo.
Asisten á formación 9 persoas (7 mulleres e 2 homes) procedentes dos concellos de Ordes, Frades e Cerceda. O perfil do alumnado é diverso: persoas novas sen experiencia laboral que buscan adquirir competencias dixitais básicas para acceder ao mercado de traballo, e tamén persoas de máis idade, con traxectorias profesionais previas en sectores como o transporte, o comercio, a confección ou a limpeza, que buscan reorientarse laboralmente cara a postos de recepción ou conserxería, onde o dominio das ferramentas informáticas resulta imprescindible.
Con este curso, dende COGAMI preténdese favorecer a inclusión dixital e laboral do colectivo que representa, que atopa máis dificultades de acceso ao emprego, contribuíndo así a unha sociedade máis igualitaria e accesible para todas as persoas.