COGAMI inicia en Santiago un curso de formación administrativa para 15 persoas en busca de oportunidades laborais

COGAMI iniciou en Santiago de Compostela o curso de Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, no que participan 15 persoas, oito mulleres e sete homes, procedentes de nove concellos da contorna de Santiago.

A formación, que se desenvolverá ata o 5 de marzo de 2027, ten unha duración total de 508 horas, das cales 108 corresponden á formación en empresa, facilitando así que as persoas participantes poidan aplicar os coñecementos adquiridos nun contexto laboral real.

As persoas participantes, con idades comprendidas entre os 20 e os 57 anos, proceden de Santiago de Compostela, Ordes, Melide, Ames, Oroso, Teo, Noia, Boqueixón e Val do Dubra.

O programa formativo está orientado á adquisición de competencias para o desempeño de tarefas administrativas e inclúe tres módulos principais: Técnicas Administrativas de Oficina, con 165 horas; Operacións básicas de comunicación, con 133 horas; e Reprodución e Arquivo, con 132 horas.

A formación complétase con contidos transversais relacionados coa prevención de riscos laborais, a inserción laboral, sensibilización medioambiental e igualdade de xénero, así como formación específica para a igualdade.

O curso, denominado AFD (Acción Formativa para Persoas Desempregadas) dirixido a mellorar a cualificación e a inserción laboral, está cofinanciado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

Unha oportunidade laboral

Dende COGAMI anímase ás persoas que actualmente están en situación de desemprego a informarse sobre os cursos que imparte dirixidos a persoas con discapacidade ou incapacidade laboral e valorar a formación como unha vía para adquirir novas competencias, reorientar a súa carreira profesional ou abrirse a novas oportunidades de emprego. O ano pasado, o 40 % das persoas formadas, lograron a inserción laboral.

As persoas interesadas poden poñerse en contacto cos centros de COGAMI correspondentes para coñecer os requisitos de acceso, o proceso de inscrición e a dispoñibilidade de prazas.

Galería de imaxes

Todas