COGAMI puxo en marcha o primeiro dos catro obradoiros que desenvolverá en colaboración co Instituto de Educación Secundaria Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, no marco do proxecto europeo Erasmus+ ACT-INCLUSIVE (Actors of Change Towards Inclusive Education).
Este primeiro obradoiro estivo dirixido ao profesorado de Educación Secundaria e centrouse en analizar a internacionalización como unha oportunidade para avanzar na inclusión e na diversidade no ámbito educativo. Ademais, abordáronse temas como a inclusión educativa como dereito fundamental e presentáronse exemplos de ferramentas e instrumentos prácticos para fomentar boas prácticas nos centros escolares.
Os obradoiros continuarán durante os meses de febreiro e marzo, ampliando a súa cobertura a outros colectivos como o alumnado, as familias e o persoal traballador dos centros educativos. Con esta iniciativa, COGAMI reafirma o seu compromiso coa educación inclusiva, promovendo espazos de aprendizaxe máis equitativos e accesibles para todas as persoas.