A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) pon en marcha en Ourense diversos cursos de capacitación laboral destinados a mellorar a inserción no mercado de traballo de persoas desempregadas con certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual.
Enmarcados no programa Máis Emprego, que financian Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus, esta formación está dirixida a colectivos con máis dificultades de inserción, como é o caso das persoas con discapacidade. Buscan promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación, a participación activa e a mellora da empregabilidade, fomentando a inclusión activa a través do deseño de itinerarios integrados de inserción sociolaboral.
Actualmente 10 participantes (7 mulleres e 3 homes) acaban de iniciar un curso de formación en técnicas de venda e orientación á clientela, procedentes dos concellos de Allariz, Barbadás, Ourense, Vilamarín, Castrelo de Miño e Taboadela.
Esta acción formativa que conta cunha duración de 50 horas, estase a impartir en horario de 9 a 14 horas e finalizará o 27 de marzo. Trátase dunha formación teórica cos seguintes obxectivos xerais: dotar ao alumnado de habilidades para a venda en distintas contornas laborais, proporcionar unha visión completa da clientela dun negocio e adquirir nocións básicas de ferramentas para a súa fidelización e atención.
Actualmente estanse organizando as formacións para o primeiro semestre con distintos centros de formación da cidade, que ofrecerán formación especializada nas seguintes áreas profesionais: Técnicas de venda e orientación á clientela (50 horas); Profesional loxístico de última milla (80 horas); Control de accesos (20 horas); Limpeza en instalacións (40 horas); Conserxería e xestión de instalacións (50 horas) e Axente polivalente de almacén con carretilla elevadora (35 horas).
Para participar nos cursos é necesario estar desempregado/a e contar co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual. Estas accións formativas buscan mellorar as oportunidades de acceso ao mercado laboral e promover a igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade.
As persoas interesadas en participar neste programa poden contactar coa oficina de COGAMI en Ourense a través do correo silourense@cogami.gal ou chamando ao teléfono 988 24 60 57.