Baixo o título de Intervención transdisciplinar e prácticas recomendadas en atención temperá, COGAMI reuniu en Santiago a especialistas e persoas traballadoras nesta disciplina dirixida a nenas e nenos de 0 a 6 anos.
A xornada comezou coa intervención do vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, quen estivo acompañado do director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, quen lembrou a aposta da Xunta por seguir levando estes servizos de atención temperá a todo o territorio galego, que arestora dixo “ofrece cobertura a 200 concellos galegos”.
Na súa intervención Ramón Sestayo quixo lembrar a importancia “fundamental” da atención temperá para promover a autonomía das nenas e nenos e como elemento que contribúe a “solucionar moitas problemáticas que se manifestan en etapas posteriores da persoa durante a primaria, adolescencia e idade adulta”. Aproveitando a presenza do Director Xeral, Sestayo, malia que recoñeceu o incremento dos recursos en atención temperá, “é importante que que se siga nese proceso de universalización, xa que na actualidade menos do 70% dos Concellos (220 concellos dos 315) dispoñen de servizos comunitarios de atención temperá”.
Outras demandas trasladadas durante esta intervención foron a necesidade de que a Xunta de Galicia lidere o desenvolvemento dunha atención temperá de calidade, contar cunha ratio de atención que non debería superar 25 menores por profesional, contar con locais dignos, accesibles e adecuados para a atención e que o equipo profesional teña garantida a continuidade e unha retribución axeitada.
Á xornada asistiron preto de corenta persoas entre elas profesionais dos servizos de atención temperá que COGAMI xestiona actualmente nos concellos de Abegondo, Bergondo e Carral así como no de Sada, Mos, Ponteareas e na Mancomunidade Baixo Miño, ademais de profesionais do Programa integral de actuacións para a promoción da autonomía persoal e a inclusión social que se desenvolve no CEGADI. Tamén asistiron profesionais do servizo de atención temperá de Arteixo, as responsables da coordinación de servizos sociais destes concellos e as concelleiras de Servizos Sociais de Ponteareas e Arteixo.