COGAMI Ourense impulsa a empregabilidade en 2026 a través do programa Máis Emprego

COGAMI Ourense impulsa a empregabilidade en 2026 a través do programa Máis Emprego

No marco do programa Máis Emprego, o Servizo de Emprego de COGAMI en Ourense puxo en marcha unha nova Acción de Mellora da Empregabilidade (AME), co obxectivo de seguir impulsando a inserción laboral das persoas participantes ao longo de 2026.

A través do obradoiro “Autodiagnose e perfil profesional” iniciáronse as accións formativas grupais deste ano, cun enfoque práctico orientado a reforzar as competencias e mellorar a orientación profesional das persoas asistentes.

Durante un total de 8 horas de traballo, abordáronse diferentes aspectos clave para a mellora da empregabilidade, entre os que destacan o desenvolvemento de competencias de base e transversais, a identificación de intereses profesionais e a definición do obxectivo laboral. Así mesmo, traballouse na realización dunha análise DAFO persoal e no axuste do perfil profesional aos postos de interese.

As persoas participantes tiveron a oportunidade de reflexionar sobre as súas motivacións, fortalezas e áreas de mellora, avanzando na construción dun itinerario laboral máis definido, coherente e realista.

Con este tipo de accións, COGAMI continúa reforzando o seu compromiso coa mellora das oportunidades laborais das persoas, promovendo ferramentas e recursos que favorezan a súa inclusión no mercado de traballo.