COGAMI Ourense presenta os seus servizos ao alumnado da Escola de Enfermaría de Ourense

COGAMI Ourense participou na Xornada das Entidades coa Escola de Enfermaría de Ourense, celebrada no salón de actos de AIXIÑA, cunha charla destinada a presentar os servizos que desenvolve a Organización na provincia e as diferentes áreas de traballo nas que intervén.

Durante a sesión, explicáronse os recursos da área de Promoción da Autonomía Persoal (PAP), así como os programas que se levan a cabo desde o ámbito do Traballo Social. Tamén se abordaron cuestións relacionadas co certificado de discapacidade, achegando información sobre os trámites necesarios para solicitalo e os procedementos de revisión por agravamento, entre outros aspectos.

A intervención incluíu igualmente unha presentación do Servizo de Emprego na que se detallou o seu funcionamento e o acompañamento que ofrece tanto ás persoas usuarias que buscan emprego como ás empresas que precisan incorporar persoal.

Con esta participación, COGAMI Ourense achega ao alumnado da Escola de Enfermaría información sobre o traballo que realiza a entidade e os recursos cos que conta para apoiar as persoas con discapacidade en diferentes ámbitos da súa vida, desde a promoción da autonomía persoal ata o acceso ao emprego.

Galería de imaxes

Todas