COGAMI participa no proxecto social inclusivo AROS, impulsado pola Fundación Breogán de Lugo, unha iniciativa dirixida a persoas con discapacidade maiores de idade que promove a inclusión social a través do baloncesto como ferramenta de desenvolvemento persoal e comunitario.
Persoas usuarias do servizo de atención diúrna que COGAMI presta no centro de Fingoi, en Lugo, toman parte neste proxecto, que deu comezo no mes de outubro de 2025 e se prolongará ata o 31 de maio de 2026. A participación de COGAMI enmárcase no seu compromiso cun modelo de atención integral centrada na persoa, no que a entidade inclçue terapias innovadoras vinculadas á práctica de deporte adaptado tras contar coa cofinanciación do 0,7 % do IRPF.
O proxecto AROS nace da man da Fundación Breogán tomando como referencia a forza simbólica do aro, entendido como un círculo que envolve, une e só se completa coa participación colectiva. A iniciativa estrutúrase en tres vertentes: AROS Vida, AROS Luz e AROS Futuro. COGAMI intégrase en AROS Vida, un espazo no que o deporte se converte nun elemento inclusivo, aberto a todas as persoas con independencia das súas capacidades.
Entre os principais obxectivos do proxecto AROS atópanse fomentar o sentimento de pertenza ao grupo, impulsar a práctica de actividade física para mellorar o benestar físico e mental, favorecer a superación persoal a través do deporte e crear redes de apoio e conexión entre as persoas participantes.
Con esta colaboración, COGAMI continúa a reforzar iniciativas que empregan o deporte como ferramenta de inclusión social, promovendo a igualdade de oportunidades e a participación plena das persoas con discapacidade na vida comunitaria.