COGAMI asistiu ao 3º Encontro Transnacional do Proxecto Europeo ACT-Inclusive (Actores do cambio cara a unha educación inclusiva), que tivo lugar os días 3 e 4 de outubro na sede de CARDET en Nicosia, Chipre. Este proxecto, cofinanciado polo programa Erasmus+, busca impulsar a educación inclusiva en Europa a través da creación de recursos educativos innovadores e a formación de profesionais no ámbito escolar.
Ademais de COGAMI, o encontro contou coa participación de entidades de varios países europeos, incluíndo L´ADAPT (Francia), ÉTA (Hungría), Center VAL (Eslovenia), CARDET (Chipre) como entidade organizadora, e EASPD (Bélxica), entidade que coordina o proxecto. Durante as xornadas, tratáronse temas cruciais como o desenvolvemento actual do proxecto e o lanzamento de novos materiais, entre eles un cómic-audiolibro sobre discapacidade e inclusión dirixido ao estudantado, así como un manual de formación para profesorado e comunidade educativa.
ACT-Inclusive, que comezou no ano 2022 e rematará a finais de 2025, ten como obxectivo principal empoderar ao alumnado con discapacidade, sensibilizar sobre a importancia da inclusión educativa e crear ferramentas prácticas para o persoal docente. Entre as iniciativas previstas destaca a creación dunha Caixa de Ferramentas con actividades e recursos para fomentar a educación inclusiva no ámbito non formal.
Este proxecto subliña a importancia de construír un sistema educativo europeo que abranga todas as necesidades do alumnado, tal e como recollen a Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade e os dereitos sociais da Unión Europea.