COGAMI pon en marcha 34 proxectos en 2024 co apoio dos fondos do 0,7% do IRPF

COGAMI pon en marcha 34 proxectos en 2024 co apoio dos fondos do 0,7% do IRPF

COGAMI e as súas entidades membro desenvolverán ao longo de 2024 un total de 34 proxectos cofinanciados a través dos fondos do 0,7% do IRPF, xestionados pola Xunta de Galicia. Estes fondos, destinados a programas de interese xeral para fins de carácter social, proveñen das persoas que marcan na súa declaración da renda o recadro 106, coñecido como "X Solidaria".

Os proxectos e programas executados por COGAMI e as súas entidades membro están dirixidos a persoas con discapacidade en toda Galicia e organizados en catro liñas de actuación principais: Liña I: actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica; Liña II: actuacións de inclusión social; Liña III: actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio a persoas con discapacidade e Liña IV: Investimento e obra.

Na liña I, a través do programa IN-Itínere que inclúe actividades con familias e intervención en situacións de especial vulnerabilidade, COGAMI busca dotar ás familias de ferramentas para mellorar o acompañamento das persoas con discapacidade, facilitando o acceso a servizos de calidade e mellorando a xestión emocional na contorna familiar.

Na segunda liña de actuacións destaca un programa que apoia a inclusión sociolaboral a través do mantemento do servizo de Inclusión e transición ao emprego dirixido a persoas con discapacidade. Este proxecto está sendo executado por COGAMI e a entidade membro ACADAR, que beneficiará a unhas 122 persoas con discapacidade ao longo do ano.

Servizos de atención

Na liña III, estanse a desenvolver programas de atención especializada que inclúen actividades fisico-rehabilitadoras, atención psicolóxica e un servizo de atención social. Unhas 162 persoas beneficiaranse destes servizos a través das entidades AGL, AFFOU, GRUMICO e AGFQ.

Un total de 82 persoas beneficiaranse do programa de atención social, asesoramento e intervención especializada, executado por ACADAR, ACEM Coruña, ASOTRAME, ACEM Santiago e COGAMI para promover a igualdade de oportunidades na participación social e no acceso ao mercado laboral. No programa de Promoción da autonomía persoal, desenvolvido por ASEM GALICIA, ASEARPO, CONARTRITE, AVANTE, ÍNTEGRO e COGAMI, inclúense accións de información, asesoramento, orientación e promoción da autonomía persoal. Estímase que 250 persoas se beneficien deste programa, mentres que 138 persoas serán as beneficiarias do programa de Atención integral para persoas con discapacidade que desenvolven as entidades  ADAPTA, AMIZADE e COGAMI, na busca da mellora da autonomía e calidade de vida.

Un total de 341 persoas das entidades ALCER Coruña, ALCER Ourense, ALCER Pontevedra, ACCU Ourense e COGAMI beneficiaranse do programa de Atención social, asesoramento e intervención especializada mentres que 58 nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastorno do desenvolvemento ou con risco de padecelo, así como a menores de 6 a16 anos con discapacidade recoñecida serán as beneficiarias do programa de Atención temperá das entidades MISELA e VONTADE.

Outros dos programas levados a cabo por COGAMI están relacionados co lecer, cultura e deportes inclusivos que promoven a inclusión social ao facilitar o acceso de 300 persoas con discapacidade a actividades culturais e deportivas, e o servizo de transporte adaptado para persoas con discapacidade que permite a contratación de condutores e a ampliación das rutas de transporte nos centros de atención diúrna.

Melloras en centros

No referente á ultima liña de actuación, a catro, estanse a executar proxectos para mellorar as instalacións nos centros como o de Medelo, con obras de mantemento, instalación de iluminación exterior, adquisición de equipamento e melloras. No centro de Mos levaranse a cabo neste ano reformas de acondicionamento exterior e adquisición de material. No de Fingoi, en Lugo, instalaranse baterías de acumulación de enerxía solar, adquisición de mobiliario de oficina, e melloras nas instalacións. No de Ferrol renovarase a carpintaría metálica e adquirirase un novo vehículo adaptado para reforzar as rutas de transporte.

Con respecto ás entidades membro, en AGORA realizarase unha mellora da eficiencia enerxética e a seguridade ante incendios no seu centro de día, ademais de actualizar o equipamento da vivenda tutelada; ADISBISMUR continuará co arranxo da fachada exterior do seu centro ocupacional; ASPAMITE eliminará barreiras arquitectónicas e acondicionará o seu recinto exterior; VONTADE desenvolverá o proxecto Aula Vont@de, que incluirá a adquisición de equipamento informático adaptado; ASOTRAME mellorará a infraestrutura do seu servizo de atención a pacientes e a entidade ACEM Compostela  desenvolverá un proxecto de adquisición de material de oficina e rehabilitación.

Estes 34 proxectos, cofinanciados polos fondos do 0,7% do IRPF, permitirán a COGAMI e ás súas entidades membro continuar co seu traballo en prol das persoas con discapacidade, mellorando a súa autonomía, integración e calidade de vida en toda Galicia.

Galería de imaxes