COGAMI promove o lecer inclusivo con actividades nas que participaron 143 persoas con discapacidade

A área de Lecer de COGAMI organiza e promove actividades deportivas e de tempo libre adaptadas ás necesidades das persoas participantes, tendo por principal obxectivo favorecer a participación activa das persoas con discapacidade, empregando sempre unha metodoloxía participativa, dinámica e aberta, que sitúa ás persoas no centro das actividades. O pasado ano, COGAMI desenvolveu un total de tres actividades propias de lecer, que sumaron 19 sesións e contaron coa participación de 143 persoas con discapacidade.

Entre os programas realizados destaca o proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada), no que participaron 65 persoas, á marxe das persoas voluntarias e monitoras que colaboraron nas saídas. Este proxecto, en marcha dende o ano 2002, ten como finalidade fomentar a participación das persoas con discapacidade en actividades náutico-deportivas, derrubando barreiras físicas e mentais no acceso ao medio mariño. Nesta edición participaron persoas procedentes de centros e entidades membro de COGAMI, convertendo GAVEA nun espazo de visibilización e normalización da discapacidade a través do deporte e do lecer.

Outro dos programas destacados foi o Programa Lecer Náutico, desenvolvido en colaboración co Real Club Náutico de Sanxenxo, no que participaron 57 persoas con discapacidade distribuídas en catro quendas de cinco días e unha quenda especial no marco da VIII Regata Rey Juan Carlos 2025. Retomado este ano como programa de respiro, combina formación teórica e práctica en vela con actividades culturais e turísticas, favorecendo a cohesión territorial e o acceso ao mar de persoas procedentes tanto de zonas costeiras como do interior de Galicia.

A oferta de lecer completouse coa actividade náutica desenvolvida xunto ao Real Club Náutico de Portonovo, unha iniciativa posta en marcha en 2025 na que participaron 21 persoas con discapacidade. A actividade inclúe formación en seguridade marítima, navegación e boas prácticas ambientais, así como travesías pola ría de Pontevedra en veleiros lixeiros adaptados.

Ademais das actividades propias, a área de lecer de COGAMI tamén participou noutras accións de carácter inclusivo, como Enki Galicia, con dúas persoas participantes, e a asistencia a partidos do Obradoiro CAB, cun total de 12 participantes, reforzando así o acceso ao lecer normalizado en contornas comunitarias.

A través destas accións, COGAMI reafirma o seu compromiso cun lecer inclusivo, accesible e de calidade, como ferramenta clave para a participación social, a autonomía persoal e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.

Galería de imaxes

Todas