COGAMI promove unha orientación laboral máis personalizada e centrada na persoa

COGAMI continúa co seu avance na implantación da metodoloxía de Atención Integral Centrada na Persoa (AICP) en todos os servizos que ofrece a favor da mellora da calidade de vida e inclusión das persoas con discapacidade. Neste proceso, a profesional Sonia Leiro está a percorrer as diferentes oficinas co obxectivo de escoitar aos equipos profesionais que forman parte da área de emprego, para compartir experiencias e identificar propostas de mellora que permitan seguir avanzando cara a unha atención máis personalizada e centrada nos intereses de cada persoa.

Estas reunións de traballo, realizadas ata o de agora nas instalacións de Ferrol, Lugo e Vigo, ás que lle seguirán en setembro as de  A Coruña, Pontevedra, Ourense e Santiago, serven para poñer en común o labor que se desenvolve no Servizo de Intemediación, Orientación e Prospección de Emprego (SIL), analizar procedementos e valorar novas iniciativas que contribúan a mellorar a experiencia das persoas participantes. O obxectivo é detectar aquelas accións que resulten viables e que poidan incorporarse ao funcionamento diario dos servizos para reforzar a aplicación práctica da AICP.

O enfoque da Atención Integral Centrada na Persoa sitúa a cada persoa como protagonista do seu propio proxecto de vida. Por iso, COGAMI traballa para crear contornas e procedementos que faciliten a autonomía e a toma de decisións. A finalidade é que cada persoa poida acceder aos servizos, recibir a información necesaria e decidir libremente o itinerario que mellor se adapte aos seus intereses, necesidades e expectativas.

Dende esta perspectiva, cando unha persoa chega a COGAMI para buscar apoio na súa inserción laboral, o papel da entidade consiste en proporcionarlle os recursos e apoios necesarios para que poida deseñas o seu propio camiño profesional. A decisión sobre os obxectivos que quere alcanzar e as accións que desexa emprender corresponde sempre á persoa participante.

A autonomía na busca de emprego, da utilización do servizo de orientación laboral ou na propia decisión de aceptar unha oferta de traballo supón, ademais dun grande paso cara á inserción laboral, a oportunidade de desenvolver un proxecto vital propio, exercer o dereito a decidir e construír un futuro acorde cos intereses e aspiracións de cada persoa.

A través da metodoloxía da AICP, COGAMI reafirma o seu compromiso cun modelo de atención que promove a participación activa, a autodeterminación e a igualdade de oportunidades, situando sempre á persoa no centro de todas as actuacións.

Galería de imaxes

Todas