COGAMI participou en Santiago de Compostela na reunión das entidades que conforman a Rede Incorpora Galicia, onde se formalizou o novo convenio de colaboración para o ano 2025. Este acordo reforza o compromiso das nove entidades participantes coa inclusión sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión social en Galicia, un ámbito no que todas contan cunha dilatada experiencia.
Durante o acto, tamén se presentaron os resultados acadados pola Rede Incorpora no 2024, que permitiron facilitar un total de 1.219 insercións laborais. Delas, 907 foron para persoas en risco de exclusión e 312 para persoas con certificado de discapacidade.
No caso de COGAMI, a entidade atendeu a 239 persoas con discapacidade, contactou con 142 empresas galegas, xestionou 207 ofertas de emprego e acadou 168 insercións laborais, consolidando o seu papel clave na promoción do emprego inclusivo.
O programa Incorpora da Fundación ”la Caixa”, activo dende 2006, traballa na inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade mediante a intermediación coas empresas e o acompañamento personalizado ás persoas participantes. Ademais, ofrece formacións para mellorar a empregabilidade e asesoramento para o autoemprego a través do Punto de Autoemprego.