Educar e sensibilizar dende as idades temperás para promover a inclusión é a finalidade dos talleres que está a desenvolver COGAMI en centros educativos do Concello de Mos. Baixo o título Comunica Sons, estes talleres vanse levar a cabo en todos os centros escolares do municipio, sendo o primeiro no CEIP de Petelos.
Neste centro, profesionais do servizo de atención temperá impartiron un taller de sensibilización dirixido a alumnado de educación infantil e primaria. Este primeiro obradoiro desenvolvido contou coa asistencia da alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro.
Esta actividade está enmarcada dentro do Proxecto de Fomento da Educación Inclusiva e Soporte á Atención do Alumnado con Necesidades Educativas por motivo da súa Discapacidade que desenvolve COGAMI, co apoio de COCEMFE, que promove unha escola que garanta a igualdade de oportunidades para o alumnado con discapacidade, impulsando o deseño universal para a aprendizaxe.
Os talleres que se van desenvolver comprenden actividades de dinamización como Aquí Xogamos todas e todos, que consta da lectura dun conto con actividades adaptadas; Aprendemos sobre inclusión na que se proporcionan actividades para que o alumnado comprenda a diversidade e as adaptacións que se poden usar e tamén se fará unha presentación adaptada ás idades infantís sobre diferentes tipoloxías de discapacidade.
Estes talleres contarán coa participación de persoas voluntarias de COGAMI que, ao ser persoas con discapacidade, as nenas e nenos poden trasladarlle todas as dúbidas que teñan.