COGAMI recibe o premio Boas Prácticas da Deputación da Coruña

COGAMI recibe o premio Boas Prácticas da Deputación da Coruña

COGAMI é unha das entidades sociais que resultou agasallada pola Deputación da Coruña na entrega dos IV Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais, galardóns que recoñecen o compromiso e a traxectoria de entidades e profesionais que traballan pola inclusión social e o benestar das persoas máis vulnerables da provincia.

O acto de entrega dos premios celebrouse en Palexco (A Coruña) e contou coa presenza do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, representantes dos distintos grupos políticos da corporación provincial, alcaldes e alcaldesas, e unha ampla representación do tecido asociativo das entidades sociais da provincia.

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, recolleu este recoñecemento que se lle entrega a COGAMI nun momento especial porque coincide cos 35 anos de traxectoria da nosa Organización. Durante as palabras de agradecemento á Deputación por este galardón, Anxo puxo en valor o traballo que COGAMI leva desenvolvendo durante todos estes anos, sobre todo na zona de ámbito rural, a que máis recursos precisa para a autonomía das persoas con discapacidade destes concellos.

Entidades premiadas

A Deputación da Coruña dota con 42.000 euros estes premios (7.000 € a cada unha das entidades premiadas), que servirán para que podan seguir desenvolvendo e consolidando os seus proxectos. Ademais de COGAMI, outras das entidades galardoadas nos IV Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais son EAPN Galicia na categoría de Investigación científica en servizos sociais; a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) en accións sociais no ámbito rural; a Asociación Raíña Paraíso de Mesía na área de atención a persoas maiores, discapacidade e dependencia; a Fundación Meniños na categoría de familia, infancia e adolescencia e no eido da inclusión social, a Asociación Arraianas.

Galería de imaxes