O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, recolleu o recoñecemento á calidade de Erasmus+ polo proxecto Easy Gardening na categoría de Formación Profesional, outorgado polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), durante a Xornada Anual de Difusión Erasmus+ 2024 realizada no Teatro Real de Madrid. Na entrega do galardón, Anxo Queiruga estivo acompañado pola ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant; o secretario de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades, Juan Cruz; e o director do SEPIE, Alfonso Gentil.
Este recoñecemento destaca a Easy Gardening, proxecto que foi financiado pola Unión Europea, co obxectivo de contribuír á participación social das persoas con discapacidade mediante a mellora da súa formación profesional para facilitar o acceso ao emprego. Ademais de COGAMI, este proxecto contou coa colaboración de entidades representativas da discapacidade de Croacia, Dinamarca, Grecia e Portugal.
Desenvolvido dende febreiro de 2022 ata 2024, o proxecto buscou mellorar a formación de profesionais formadores que traballan con persoas con discapacidade no ámbito da xardinería e agricultura. Na entrega deste galardón a COGAMI destacouse a elaboración dun manual de capacitación en xardinería e agricultura, redactado en formato accesible e de lectura fácil, orientado a persoas con discapacidade intelectual e tamén se valorou a formación impartida en liña para a capacitar a docentes que traballan con persoas con discapacidade no ámbito da xardinería e agricultura.
Todo o material publicado é de acceso gratuíto que se pode descargar na páxina web do proxecto www.easygardening.eu