COGAMI está de celebración tras recibir un recoñecemento de calidade 2024 por parte do programa Erasmus+, a través do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE). Estes premios distinguen a docentes, estudantes e entidades polo seu esforzo, excelencia e impacto transformador no ámbito educativo e social.
Motivo do recoñecemento: Polo seu impulso á inclusión social e ao desenvolvemento de competencias en persoas con discapacidade intelectual mediante proxectos de cooperación innovadores que abren novas oportunidades de formación e participación.
A entidade participou no programa Erasmus+ mediante o proxecto Easy Gardening, desenvolvido no centro de atención diúrna de Mos, no que persoas con discapacidade traballaron habilidades persoais e sociais a través da xardinería ecolóxica, reforzando o sentimento de utilidade, autonomía e conexión coa contorna.
O carácter internacional do proxecto permitiu enriquecer os resultados locais. Xunto con COGAMI participaron unha universidade croata, unha ONG ecoloxista grega e unha consultora danesa especializada en xogos e discapacidade, unha colaboración que ampliou perspectivas, metodoloxías e enfoques inclusivos.
O proxecto Easy Gardening sumou inclusión, formación e sustentabilidade ambiental, permitindo crear un currículo accesible, intercambiar coñecemento con entidades europeas socias e transformar espazos como o xardín terapéutico do centro de Mos, un recurso clave para o benestar das persoas usuarias.
Este recoñecemento consolida o compromiso de COGAMI coa innovación social e coa creación de oportunidades formativas e inclusivas a través de iniciativas europeas de alto impacto.