COGAMI recolle en Madrid un Premio á Transformación Social polo servizo Autonomía+

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asistiu á Primeira edición dos Premios de Transformación Social Prensa Ibérica - Fundación ”la Caixa” celebrados en CaixaForum Madrid, un evento que recoñece e dá visibilidade a iniciativas sociais innovadoras polo seu impacto na sociedade.

COGAMI participou neste acto tras resultar galardoado o servizo Autonomía+, que se desenvolve nas instalacións do CEGADI, en Santiago de Compostela, para acompañar ás persoas que saen do hospital cunha discapacidade sobrevida ou ás que se lles diagnostica unha enfermidade dexenerativa.

Durante a súa intervención tras recoller o premio, Anxo Queiruga destacou a filosofía que define este programa: “A idea clave é que a persoa é a protagonista da súa propia vida. Cando alguén entra no programa, preguntámoslle que quere facer e, a partir de aí, o traballo das profesionais consiste en acompañala para que poida acadar esas metas o antes posible”.

Os Premios de Transformación Social Prensa Ibérica - Fundación ”la Caixa” están dirixidos a entidades sen ánimo de lucro do Terceiro Sector e recoñecen iniciativas en sete ámbitos de actuación: loita contra a pobreza, discapacidade e dependencia, saúde, apoio ás persoas maiores e loita contra a soidade non desexada, inserción sociolaboral, acción no ámbito rural e cooperación internacional.

O servizo Autonomía+ púxose en marcha en 2019 no CEGADI para ofrecer unha resposta integral ás persoas que afrontan unha nova situación de discapacidade ou unha enfermidade dexenerativa. Financiado pola Consellería de Política Social, ofrece un proceso de intervención e acompañamento durante 12 meses, baseado no modelo de Atención Integral Centrada na Persoa. Isto significa que cada itinerario parte dos desexos, necesidades e obxectivos que expresa a propia persoa, que decide que quere conseguir e conta co apoio dun equipo profesional para facelo realidade.

Ao longo dos seus sete anos de traxectoria, 247 persoas pasaron polo servizo, o 84 % delas completou o proceso tras acadar os seus obxectivos e realizáronse máis de 38.000 intervencións. Un balance que pon de manifesto o alcance dun modelo de atención que sitúa a persoa no centro e traballa para que poida recuperar o control sobre o seu proxecto de vida.

Galería de imaxes

Todas