COGAMI reforza o servizo do centro de Fingoi co apoio da Deputación de Lugo


COGAMI vén de renovar un convenio de colaboración coa Deputación de Lugo para o funcionamento do centro de atención diúrna que ten en Fingoi, un recurso esencial para a mellora da calidade de vida dunha trintena de persoas con discapacidade na cidade.

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asinou no Pazo de San Marcos un convenio co presidente da Deputación, José Tomé Roca, polo que o organismo provincial achegará 35.000 euros, o que supón o 70% do investimento necesario para o mantemento deste servizo.

Este apoio permitirá garantir programas de fisioterapia e terapia ocupacional dirixidos a potenciar a independencia funcional, as aptitudes cognitivas, comunicativas e físicas, favorecendo un desenvolvemento máis autónomo das persoas usuarias. Ademais, a achega tamén cubrirá gastos de persoal -un equipo de oito profesionais formado por pedagogo, educador social, monitor con coñecementos informáticos, logopeda e traballador social- así como de medios materiais, entre eles equipamento informático, conexión a internet, aulas equipadas e material de rehabilitación.

Galería de imaxes

Todas
|
COGAMI
|
Convenio
|
Deputación de Lugo
|
Diputación de Lugo
|
SAD de Fingoi