COGAMI reivindica a accesibilidade como eixo clave no desenvolvemento sostible no Feelant Impact Summit de Vigo

COGAMI reivindica a accesibilidade como eixo clave no desenvolvemento sostible no Feelant Impact Summit de Vigo

COGAMI participou na primeira edición do Feelant Impact Summit, un encontro celebrado en Vigo que reuniu a máis de 350 asistentes, 40 relatoras e relatores e máis de 100 empresas con interese en xerar un impacto positivo na sociedade. O evento tivo como obxectivo promover a Responsabilidade Social Corporativa e tender pontes entre o terceiro sector, o ámbito empresarial, deportivo e a sociedade en xeral.

No marco desta xornada, Diego Piñeiro, da área de Accesibilidade de COGAMI, participou nunha mesa redonda centrada no impacto da economía circular, a inversión ESG e o urbanismo sostible no futuro do desenvolvemento económico. Estivo acompañado polas arquitectas María Ferro e Rocío Lamas, o director de relacións institucionais de Grupró, Miguel Pernas, e moderada por Raquel Ferreiro.

Durante o coloquio, púxose o foco na falta de accesibilidade nas vivendas actuais, a dificultade que supón levar a cabo adaptacións, os elevados custos asociados e a necesidade urxente de maiores axudas públicas para garantir unhas condicións de vida dignas para todas as persoas. Tamén se fixo referencia á normativa vixente en materia de accesibilidade, así como ao descoñecemento xeralizado sobre a súa existencia e aplicación.

A participación de COGAMI nesta cita reafirma o seu compromiso cun desenvolvemento inclusivo e sostible, no que a accesibilidade universal sexa unha realidade e non unha excepción.

Galería de imaxes