A intervención correu a cargo de Mª Jesús Pérez, profesional da área xurídica de COGAMI, quen participou na mesa redonda titulada “Construíndo Pontes: o Poder Social do Terceiro Sector”. Durante a súa intervención, abordou o marco legal actual e as oportunidades que ofrece a nova Lei de Discapacidade para avanzar cara a unha inclusión real no ámbito cultural.
Pérez destacou que “en materia de dereitos das persoas con discapacidade, como a accesibilidade universal, a igualdade de oportunidades ou a non discriminación, España, e por tanto Galicia, contan cun marco lexislativo bastante avanzado, tamén dende a Convención Internacional e a normativa europea”. Con todo, advertiu que as leis non sempre se levan á práctica, xa que “faltan mecanismos de control, planificación e execución axeitados”.
A representante de COGAMI insistiu na importancia de entender a cultura como un dereito fundamental, e non como un luxo. Por iso, reclamou que se impulsen, financien e desenvolvan actividades culturais accesibles, nas que as persoas con discapacidade poidan participar activamente, non só como espectadoras.
Como exemplos da exclusión que aínda persiste, citou situacións cotiás como “ter que sentarse na primeira fila do cine por falta de accesibilidade, non contar con ferramentas que permitan comprender a actividade ou carecer de transporte adaptado para acudir aos eventos”.
Con esta participación, COGAMI reforza o seu compromiso con facer da cultura un espazo realmente inclusivo e accesible para todas as persoas.