COGAMI remata Easy Gardening, un proxecto europeo que busca impulsar o emprego coa xardinería orgánica

COGAMI remata Easy Gardening, un proxecto europeo que busca impulsar o emprego coa xardinería orgánica

As instalacións do centro que COGAMI ten en Mos acolleron a presentación do proxecto europeo Easy Gardening, un programa que busca contribuír á inclusión laboral e social das persoas con discapacidade a través da práctica da xardinería orgánica.

Tendo como obxectivo contribuír á participación social das persoas con discapacidade mediante a mellora da súa formación profesional para conseguir un emprego, Easy Gardening busca mellorar a formación de formadores que traballan con persoas con discapacidade no ámbito da xardinería e agricultura, proporcionándolles recursos adaptados, co fin de que esta formación repercuta na empregabilidade do colectivo.

Cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Erasmus+, ademais de COGAMI participan outras entidades procedentes de Croacia, Dinamarca, Grecia e Portugal, como son ARCIL, de Coimbra, en Portugal, que traballa con persoas con discapacidade e a súa inclusión hai máis de 45 anos; MARGARITA, entidade grega que creou unha nai con neno con síndrome de Down para axudar tanto ao seu fillo como a outros con discapacidade intelectual para que reciban educación, habilidades laborais e integración social; a Universidad de Zagreb, principal institución educativa de Croacia con 31 facultades, 3 academias de arte e varios centros e departamentos universitarios; a Organización Terra, galardoada ONG grega que nace en 2010 para lograr un cambio impulsado pola comunidade cara a unha sociedade máis xusta, risilente, centrando o seu traballo na promoción de solucións baseadas na natureza; e a a última entidade é a danesa Ed Consult, de servizos de consultaría educativa, xestión de proxectos, probas e avaliación para corporacións, pemes e organizacións públicas e privadas.

Easy-Gardening, ademais de mellorar a formación en agricultura ecolóxica orientada cara ao emprego, tamén proporciona materiais, ferramentas e recursos a estudantes con discapacidade xunto ao profesorado, mentores, adestradores, responsables de centros de Formación Profesional e responsables políticos. Entre os materiais creados destacan un manual de capacitación en xardinería e agricultura redactado en formato accesible e con lectura fácil para favorecer a comprensión das persoas con discapacidade intelectual.

Outro manual elaborado está dirixido a formadores de xardinería, inspirado en prácticas accesibles e prácticas inclusivas. Tamén para formadores se desenvolveu a preparación, implementación e avaliación dun curso de formación, a creación dunha plataforma para levar a cabo formación dirixida a formadores e a creación dun xogo para explorar principios e prácticas fundamentais da xardinería sostible.

Todo este material pode descargarse na web que se creou para este proxecto, https://www.easygardening.eu/, estando os materiais nos idiomas de todas as entidades participantes.

Galería de imaxes