Dúas das persoas participantes xa contan cunha proposta de contratación tras completar as 220 horas de prácticas en empresas.
Un total de once persoas remataron o curso de Actividades de Xestión Administrativa, impartida por COGAMI en Vigo dentro da súa oferta de formación para o emprego. O curso, que comezou o 6 de outubro de 2025, desenvolveuse ao longo de dez meses, combinando oito meses de formación teórica con dous meses de formación en empresas. Iniciou con catorce participantes e foi completada por once persoas, das que nove son mulleres e dous homes, procedentes dos concellos de Vigo, Tui, Nigrán, Baiona e Mos.
Esta formación enmárcase no Plan formativo para o Emprego que cofinancian a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, estando dirixida a persoas desempregadas e que teñen recoñecido o grao de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual.
Durante o itinerario formativo, o alumnado adquiriu competencias profesionais en operacións administrativas comerciais, xestión operativa de tesouraría, xestión auxiliar de persoal, rexistros contables, gravación de datos, xestión de arquivos e ofimática, ademais de completar módulos transversais orientados á mellora da empregabilidade.
A fase final consistiu na realización de 220 horas de formación en empresas, unha experiencia que permitiu ao alumnado aplicar os coñecementos adquiridos en contornas laborais reais. As prácticas desenvolvéronse en empresas e entidades de diversos ámbitos, entre eles o sector da formación, entidades sociais, xestorías, empresas de panadería e repostaría, servizos de mantemento eléctrico, centros educativos e asesorías.
Durante este período, dúas das persoas participantes recibiron unha proposta de contratación antes mesmo da finalización do curso, un feito que pon de manifesto a utilidade desta formación como ferramenta de acceso ao mercado laboral.
A oferta formativa de COGAMI continúa, tendo xa programados cursos para o mes de setembro. A persoas con discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida de Vigo e comarca interesadas en formarse de cara ao emprego, poden contactar coa oficina a través do teléfono 986 281 893 ou no correo silvigo@cogami.gal.