COGAMI traslada ao Concello de Viveiro os resultados da primeira análise de necesidades para o plan de accesibilidade municipal

COGAMI traslada ao Concello de Viveiro os resultados da primeira análise de necesidades para o plan de accesibilidade municipal

Xuntanza de traballo mantida entre a área de Accesibilidade de COGAMI co Concello de Viveiro para empezar a definir as zonas, itinerarios e accións que vai incluír o plan de accesibilidade que o municipio está a levar a cabo para mellorar a calidade de vida das persoas con mobilidade reducida.

Este plan contará coa opinión de entidades e persoas da contorna que axudarán a identificar que problemas atopan tanto a nivel percorridos como tamén de mobiliario urbano e instalacións municipais. “Este plan conectará os principais equipamentos de Viveiro, resolvendo as ramplas e corrixindo os pasos de peóns e pavimentos que a día de hoxe dificultan os desprazamentos das persoas con mobilidade reducida”, explica Míriam Bermúdez, tenente de alcaldesa do municipio.

O plan impulsará unha conexión fácil e accesible entre os principais equipamentos de Viveiro, cumprindo a normativa de accesibilidade vixente e co obxectivo dunha vila máis amable cos peóns, máis aberta e máis inclusiva.

“Temos que marcar que pasos temos que ir dando pouco a pouco, cunha planificación na que temos que identificar os problemas máis recorrentes para melloralos no tempo e modificar a contorna”, expresa Diego Piñeiro, técnico da área de Accesibilidade de COGAMI.