COGAMI únese á demanda que vén de realizar a Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE), entidade da que forma parte, tras enviarlle ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións un total de 14 informes destinados a argumentar a necesidade de incluír 14 patoloxías entre as enfermidades que poidan acollerse á xubilación anticipada de persoas traballadoras con grao de discapacidade do 45 % ou superior.
Estas patoloxías ás que se fan referencia serían: enfermidade renal crónica, párkinson, lupus eritematoso sistémico, artrite reumatoide, espina bífida, fibromialxia, esclerodermia, encefalomielite miálxica, enfermidade de Steinert, enfermidade de Huntington, enfermidade de Andrade, inmunodeficiencias primarias, hipertensión pulmonar e paraparesia espástica.
Estes informes son o resultado dun traballo de análise que recolle a evidencia científica existente sobre a redución da esperanza de vida destas enfermidades (parámetro de valoración recollido no real decreto), para apoiar a necesidade de contemplar o suposto de xubilación anticipada.
Ademais de COGAMI, outras das entidades que colaboraron directamente con COCEMFE para elaborar estes informes foron: FEP, FELUPUS, LIRE, FEBHI, FRIDA, CONFESQ, ASEM, Coordinadora Balear de Persones amb Discapacitat, Asociación Española de Esclerodermia (AEE), ALCER, Hipertensión Pulmonar España (HPE), COCEMFE Catalunya e a Asociación Española de Paraparesia Espástica Familiar (AEPEF).