COGAMI foi unha das entidades sociais protagonistas da primeira edición da xornada “A diversidade no emprego”, celebrada na Casa da Cultura do Milladoiro, en Ames, nun evento impulsado polo Concello de Ames para visibilizar, dignificar e promover a inclusión laboral das persoas con discapacidade.
A xornada converteu Ames nun concello pioneiro ao reunir nun mesmo espazo entidades sociais, empresas, persoas con discapacidade e veciñanza para reflexionar sobre a importancia da igualdade de oportunidades no acceso ao emprego e sobre a necesidade de derrubar os prexuízos que continúan limitando a plena inclusión laboral.
A orientadora laboral do servizo de Emprego, Pilar Míguez, participou activamente nas conversas arredor da inclusión laboral das persoas con discapacidade nunha mesa redonda na que tamén estiveron profesionais das entidades Down Compostela, Fundación ONCE-Inserta, CEGASAL e FAXPG. Nesta mesa abordáronse cuestións como as barreiras que atopan as persoas con discapacidade no acceso ao emprego, os prexuízos existentes no tecido empresarial e os retos de futuro para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva.
Dende COGAMI valoran moi positivamente a celebración deste tipo de iniciativas que contribúen a concienciar á sociedade e ao tecido empresarial sobre a necesidade de seguir avanzando cara á inclusión laboral plena das persoas con discapacidade, promovendo contornas de traballo accesibles e libres de estigmas.