COGAMI valora positivamente a incorporación de novas licencias de taxis adaptados en Santiago para persoas con mobilidade reducida, coñecidos como Eurotaxis.
O coordinador da área de Accesibilidade, Álvaro García, define esta medida como “un avance significativo” e felicita tanto ao goberno local do Concello de Santiago pola solicitude de máis taxis adaptados, como á Xunta de Galicia pola aprobación desta ampliación.
Non obstante, Álvaro García lembrou que o obxectivo ideal sería que o 100 % dos taxis fosen accesibles: “Nós pedimos que todos os taxis sexan adaptados porque calquera persoa pode facer uso deles, e así estaríamos en igualdade de condicións entre as persoas con mobilidade reducida e aquelas que non a teñen”.
Dende COGAMI, espérase que estas novas incorporacións contribúan a solucionar unha problemática existente: que unha persoa con mobilidade reducida precise reservar un taxi para acudir a unha cita médica ou realizar unha xestión urxente e se atope coa falta de taxis adaptados dispoñibles, sen posibilidade de realizar a reserva con antelación dun día para outro. “A realidade actual é a falta de transporte público adaptado, á que se suma a insuficiencia de Eurotaxis dispoñibles”, lembra García.
Por último, desde COGAMI animan a outros municipios galegos a seguir o exemplo de Santiago. “Agardamos que esta medida sexa copiada por outros concellos. É imprescindible que os transportes sexan accesibles, porque esta medida beneficia a toda a sociedade”, concluíu Álvaro García.Parte inferior do formulario