Coincidindo co 5 de decembro, Día Internacional do Voluntariado, COGAMI está a impartir na Casa da Cultura de Outeiro de Rei, (estrada Nacional VI, nº13) un curso de Volutnariado Especializado na atención a persoas con discapacidade, ao que acudiu o alcalde do concello, José Pardo Lombao, interesado polo seu desenvolvemento.
En horario de 09:30 a 14:30 horas, esta formación conta cunha duración de 60 horas lectivas, ademais das cinco presenciais, o resto realizouse en liña a través da plataforma Moodle.
Esta formación, financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade, está dirixida a mellorar a capacitación das persoas voluntarias que colaboran coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, incrementando durante este ano en 62 novas incorporacións que se suman ás 1.433 persoas inscritas.
A rede de voluntariado de COGAMI leva máis de 20 anos acompañando, apoiando e sensibilizando, iniciando en 2001 co obxectivo de ofrecer acompañamento e apoio a persoas con discapacidade, tanto no ámbito domiciliario como fóra del. Na actualidade, as persoas voluntarias colaboran ofrecendo tanto apoio educativo a estudantes que precisan reforzo nalgunha materia como colaboración en sesións de natación terapéutica e mesmo participación en actividades de lecer inclusivas e accións deportivas adaptadas.
Neste vídeo participa Eladio Dorado, un lucense que leva seis anos colaborando como voluntario no centro que ten COGAMI en Fingoi. Para el o voluntariado "cambiou por completo a perspectiva da vida que tiña. Aquí crecín como persoa", explica.